O xurado da V Convocatoria do Premio Rafael Rodríguez Martín,   recoñeciu por unanimidade,o  proxecto Centro de Interpretación Virtual da Memoria Histórica do IES Celanova Celso Emilio Ferreiro Biblio Poleiro un proxecto educativo transformador que aposta pola recuperación da memoria histórica desde o propio espazo escolar.

Este centro virtual nace como resposta ao compromiso do alumnado e profesorado por coñecer, preservar e divulgar a historia recente da vila de Celanova. O proxecto, coordinado polo equipo de biblioteca e impulsado inicialmente polo departamento de Historia, logrou implicar a toda a comunidade educativa a través de actividades informativas, experienciais e interdisciplinares que abranguen diferentes materias e niveis.

O edificio que acolle o IES Celanova Celso Emilio Ferreiro, cunha historia de case tres séculos, foi testemuña de múltiples usos ao longo do tempo: de mosteiro beneditino a cárcere de represaliados durante o franquismo. A conexión emocional e histórica co espazo físico da escola foi o punto de partida para un traballo de investigación, musealización e posta en valor do patrimonio material e inmaterial que rodea ao centro e á vila.

A recuperación da memoria adquiriu especial relevancia tras o achado e exhumación dunha fosa común no cemiterio local, o que levou á colaboración co Comité de Memoria Histórica e coa figura do antropólogo forense Fernando Serrulla, achegando ao alumnado á comprensión rigorosa e humana do pasado.

Un dos aspectos máis inspiradores desta iniciativa é que foi precisamente o alumnado quen propuxo crear este Centro Virtual de Interpretación da Memoria Histórica, ofrecendo así un espazo dixital aberto e colaborativo para recompilar e compartir os contidos e aprendizaxes do proxecto. Podedes acceder ao centro a través da seguinte ligazón:

Este proxecto está lonxe de rematar. O equipo continúa a súa labor con ilusión, consciente de que aínda queda moito por investigar, por visibilizar e por divulgar. Desde FEAE Galicia, celebramos este exemplo de educación comprometida, de aprendizaxe significativa e de conexión co territorio, que contribúe a formar cidadanía crítica e consciente.

Parabéns ao IES Celanova Celso Emilio Ferreiro por esta merecida distinción e por abrir camiños para que a memoria siga viva.