Os Premios do  FORUM EUROPEO de GALICIA Rafael Rodríguez Martín buscan identificar, recoñecer e promover a  grupos de docentes comprometidos e comprometidas coa innovación educativa, a través do desenvolvemento de iniciativas didácticas que axuden a construír unha rede de propostas educativas que inspiren transformación e innovación e que sexan facilmente transferibles a outras contornas educativas.

Os traballos deben responder a unha necesidade de mellora educativa concreta e animar a outros colectivos desenvolvendo a potencialidade do traballo en equipo colaborativo. Os Premios destacan as iniciativas que se consideran máis creativas e efectivas para atopar solucións aos desafíos educativos en calquera nivel educativo e en todas as contornas.

Xurado e resolución dos premios 

O xurado estará composto por membros de recoñecido prestixio e implicación dentro do ámbito educativo entre os que se atoparán membros do propio Fórum Europeo de Galicia, Universidades Galegas e da Consellería de Educación.

O fallo inapelable do xurado para os finalistas de esta edición farase público o venres 6  de xuño e comunicarase directamente aos interesados.O proxecto premiado comunicarase o día da entrega de premios, a finais de xuño.

 O Fórum Europeo da Educación de Galicia (FEAE-Galicia) resérvase o dereito de publicación dos proxectos finalistas no blogue, sen fins lucrativos, podendo utilizalos en accións encamiñadas á mellora da educación.

2. Os proxectos presentados terán que realizarse no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Deben presentarse en lingua galega.

Criterios de selección 

Os Premios FÓRUM EUROPEO GALICIA Rafael Rodríguez Martín 2024-2025 recoñecen proxectos educativos innovadores. Búscanse iniciativas educativas continuas, innovadoras e impactantes que:

• Supoñan a revitalización dun centro educativo.

• Que contemplen indicadores para desenvolver unha educación inclusiva e de equidade.

• Que desenvolvan a convivencia participativa e positiva en calquera etapa educativa.

• Que fosen efectivamente implementados na aula.

• Que sexan economicamente sostibles.

• Que presenten obxectivos claros na planificación e desenvolvemento do proxecto.

• Que sexan replicables e transferibles a outros contextos educativos.

• Que dispoñan dun claro compoñente innovador.

• Que desenvolvan enfoques didácticos e/ ou organizativos que busquen dar resposta ás necesidades do seu alumnado. Necesidades que varían en función do seu contexto sociocultural, pero tamén en función dous cambios que, a nivel global, estanse a experimentar na sociedade.

 Criterios de valoración

 O Xurado terá en conta os seguintes criterios de valoración que non son excluíntes :

–  Coherencia interna do proxecto (atendendo á concreción de obxectivos, a súa xustificación, o desenvolvemento das tarefas, unha exposición clara de resultados e propostas de mellora).

–  Contido innovador e importancia do traballo en equipo e colaborativo (destacando o desenvolvemento do pensamento creativo, crítico a autonomía do alumnado e a súa participación activa no proxecto).

–  Ter  sido implementado (non é un requisito).

–  A multidisciplinaridade.

–   Posibilidade de transferencia do proxecto a outras contornas educativas.

–   Directrices de igualdade e equidade educativas na planificación do proxecto.

Solicitude e Prazos de Presentación

O formulario de inscrición aos premios  é https://forms.gle/2kdCZ5G3Kq9Srxbw8

O formulario de inscrición permitirá enviar todos os datos de contacto necesarios para o rexistro do proxecto así como os arquivos coa documentación necesaria para a valoración do proxecto.

Para calquera dúbida en relación á inscrición do proxecto poden poñerse en contacto coa organización na dirección de correo feaegalicia@gmail.com

Os traballos recibiranse desde o 6 de marzo  de 2024 ata o 6 de maio de 2025.

Formato de Presentación: 

1.- Síntese do proxecto en formato pdf (letra Arial 12, interlineado sinxelo).

2.- Material audiovisual (fotos, vídeos, webs), que non excedan de 10 MG. Preferiblemente enviaranse como  ligazóns, até un máximo de 5 arquivos e/ou 5 ligazóns.

 3.-Memoria explicativa do traballo coas seguintes características: en formato pdf, letra Arial 12, interlineado sinxelo e un máximo de 15 páxinas, débense incluír as imaxes e as referencias aos posibles vídeos.

Esta Memoria debe conter os seguintes puntos:

Título (pódese usar un subtítulo).

4- Resumo, con palabras chave (breve exposición do proxecto nun máximo 50 palabras).

5- Xustificación.

6-  Obxectivos.

7- Desenvolvemento do proxecto (metodoloxía, accións, participantes, cronograma,…).

8- Resultados.

9- Avaliación, impacto e conclusión de melloras concretas obtidas.

10- Certificación dá autorización do uso das imaxes dos menores.

11- Licenciar o traballo baixo a licenza Creative Commons. 

  BY: Recoñecemento (Attribution): o material creado por un autor pode ser distribuído e exhibido se a autoría  se mostra nos créditos.  NC: Comercial (Non Commercial): o material creado por un autor pode ser distribuído, copiado e exhibido mentres o seu uso non sexa comercial.   SA: compartir Igual (Share Alike): o material creado por un autor pode ser modificado e distribuído pero baixo a mesma licencia que o material orixinal.

Premio

– Lote de libros para a Biblioteca do centro e/ou participantes.

– Alta de socio/a de FEAE Galicia  para os/as coordinadores do proxecto por un ano.

–  300 € en metálico.

–  Publicación do Proxecto premiado con ISBN ou ISSN na revista DyLE e na Revista Galega de Educación.