Xoves 27 de novembro as 18:00, na sala ao carón da cafetería da Facultade de Ciencias da Educación da UDC, compartiremos un café coas autoras do libro, as irmáns Ángeles e Isabel Abelleira. Acompañaranos Eduardo José Fuentes Abeledo que conducirá a conversa con Isabel e Ángeles.
Un libro para quen cultiva a infancia con esperanza

Nesta cuarta entrega da súa obra pedagóxica, Ángeles e Isabel Abelleira achégannos unha auténtica caixa de sementes. Sementes gardadas con coidado ao longo de máis de trinta anos nas aulas de infantil, e que agora queren compartir con todas aquelas persoas que educan á infancia desde o agarimo e o compromiso.
Entre a teoría e a práctica, entre o que xa é posible e o que aínda soñamos, as Abelleira manteñen unha mirada crítica sobre os retos educativos actuais. Falan dunha educación que respecta o ritmo da natureza e o tempo propio de cada criatura, que coida a relación co medio e a comunidade, que valora a beleza e a vida cotiá como espazo de aprendizaxe.
Este libro continúa un proxecto que vén de lonxe:
– Os fíos de infantil definía os fundamentos dunha boa práctica educativa
-O latexar dunha aula infantil celebraba a forza do día a día
– Docentes de infantil poñía o foco nos mestres artesáns do futuro
Agora, A escola do ser e do querer (ser) amplía o horizonte: ofrece un modelo de escola que, como unha horta ben coidada, prepara a terra, escolle o mellor momento, abona con naturalidade e confía no milagre da vida que medra.
Un libro pensado para mestras e mestres que saben esperar, observar e acompañar; que cultivan persoas pequenas con grandes posibilidades. E que como nós, disfrutamos de estar xuntos e en boa compañía. Para inscribirse: https://forms.gle/ikhamrdD566rjU387