Bibliopoleiro do IES Celanova Celso Emilio Ferreiro é nha biblioteca escolar que nace no claustro dun antigo mosteiro, no chamado Poleiro, ese lugar elevado onde as aves descansan antes de emprender o voo. Esa metáfora é perfecta: porque o Bibliopoleiro é hoxe o espazo onde o alumnado pousa as súas inquedanzas, alimenta a súa curiosidade, e colle azos para voar cara novos horizontes.
O que fai deste proxecto algo verdadeiramente singular é a súa aposta pola memoria histórica como recurso educativo. No Bibliopoleiro desenvolvéronse investigacións e actividades arredor da Guerra Civil e da historia de Celanova, non para quedarse na lembranza do pasado, senón para aprender del e comprender mellor o presente. O alumnado participou tamén nun roteiro de memoria histórica, percorrendo os lugares que gardan pegada daqueles acontecementos. A través desa experiencia entenderon que coñecer o que aconteceu é esencial para non repetir os mesmos erros e para formar cidadáns críticos e responsables.
Ao mesmo tempo, o Bibliopoleiro converteu o patrimonio do mosteiro e da vila de Celanova nun recurso vivo. Non se trata só de conservar pedras antigas, senón de facer delas fiestras para aprender, de escoitar o que esas pedras nos contan. Así naceron proxectos que fan dialogar a historia local coas novas xeracións: exposicións, recuperación de materiais, itinerarios culturais, uso das tecnoloxías para dar nova vida ao pasado. Deste xeito, a biblioteca é á vez arquivo de memoria e obradoiro de futuro.
Todo isto foi posible grazas á implicación conxunta de profesorado e alumnado, traballando da man. Os docentes abriron camiños e puxeron ferramentas, mais foron os estudantes quen, co seu entusiasmo e creatividade, deron vida ás ideas. Esa é a mellor mostra de innovación educativa: cando unha comunidade escolar enteira fai da educación unha experiencia significativa, conectada coa realidade e co territorio.
Como asociación comprometida coa mellora da educación en Galicia, recoñecemos no Bibliopoleiro un exemplo brillante: unha escola que non esquece, que entende a memoria como aprendizaxe, que sabe que coñecer a historia é condición para construír un futuro mellor; unha escola que fai da lectura un instrumento de liberdade; unha escola que, coma Rosalía, María Pita e Concepción Arenal, recolle o legado do pasado para seguir abrindo camiños de xustiza, igualdade e esperanza.
O Bibliopoleiro demóstranos que cando o patrimonio se activa, cando a memoria se converte en fonte de aprendizaxe e cando a lectura ocupa o centro da vida escolar, avánzase con paso firme cara o futuro.