O proxecto “Apertas que unen xeracións”, desenvolvido polo Colexio Cervantes en colaboración coa residencia Bouco Maiores Lugo, foi seleccionado como gañador da VI edición dos Premios FEAE Galicia de Innovación Educativa Rafael Rodríguez Martín.
A elección do proxecto gañador resultou especialmente complexa debido á elevada calidade dos traballos presentados nesta convocatoria, que ano tras ano continúa medrando tanto en participación como en excelencia pedagóxica. .
Neste contexto, “Apertas que unen xeracións” destacou polo seu profundo valor humano, educativo e comunitario. Existen proxectos educativos que transcenden a transmisión de contidos para situarse no ámbito da formación humana e ética, e esta iniciativa constitúe un exemplo especialmente significativo desta concepción integral da educación.
Cada venres, este encontro interxeracional convértese nun espazo de convivencia, afecto e aprendizaxe mutua no que se fortalecen vínculos emocionais, se evocan lembranzas e se xeran experiencias compartidas de grande valor humano. Nun contexto social marcado pola rapidez e pola fragmentación das relacións, esta iniciativa representa unha práctica exemplar de respecto, coidado e compromiso coa comunidade, especialmente relevante no acompañamento de persoas con enfermidade de Alzheimer.
A participación de “Apertas que unen xeracións” nos Premios FEAE de Innovación Educativa Rafael Rodríguez Martín resulta, por tanto, plenamente pertinente, non só polo seu valor pedagóxico e social, senón tamén pola necesidade de dar visibilidade a experiencias educativas capaces de transformar a realidade a través dunha ética do cuidado, tan necesaria en educación.
Este proxecto evidencia que educar implica non só ensinar, senón tamén acompañar, conectar e humanizar. A súa difusión contribúe a compartir coa sociedade unha experiencia que merece ser coñecida, recoñecida e replicada.
Os resultados observados amosan o elevado impacto educativo e emocional da iniciativa:
- Nas persoas maiores:
Apréciase unha mellora significativa do estado emocional e do benestar afectivo. Moitas delas lembran os nenos e nenas participantes, o que evidencia a existencia dun forte vínculo emocional, especialmente relevante en contextos de deterioro cognitivo asociado ao Alzheimer. - No alumnado:
Prodúcese unha aprendizaxe profunda en valores dificilmente alcanzable unicamente no ámbito da aula. O alumnado desenvolve competencias vinculadas á empatía, á paciencia, á responsabilidade social e ao respecto interxeracional. - No ámbito educativo e comunitario:
O proxecto constitúe unha práctica exemplar de aprendizaxe-servizo centrado na ética do cuidado, cun impacto real na contorna, fortalecendo os lazos entre institucións educativas e sociais.
“Apertas que unen xeracións” representa, en definitiva, unha experiencia de alto valor educativo e social que pon de manifesto que o afecto constitúe unha ferramenta pedagóxica fundamental e que educar no cuidado enriquece a toda a comunidade educativa e pon de relieve a necesidade dos proxectos de Aprendizaxe Servicio.